13/11/14

O corazón da Branca de Neve

O luns 10, reunímonos 20 dos 25 membros do club de lectura ao redor da novela de Francisco Castro O corazón da Branca de Neve.  Despois de dar boa conta dos bocatas e do contido dos tupper, falamos dos aspectos desta obra que máis nos chamaron a atención. O mellor, o feito de que invita a ler dun tirón, nunha sucesión de capítulos trepidante e que nos deixan con gañas de avanzar. Unha novela policial á que o alumnado non está acostumado e que toca moitos temas preocupantes da actualidade: a corrupción, a violencia contra os máis desfavorecidos, as mafias que trafican con inmigrantes, o roubo de nenos...

Chamou a atención o feito de que, ao ser unha novela por entregas, os capítulos teñen forza propia, funcionan como elementos independentes e en cada un deles a acción avanza inexorable. Tamén nos deu para revisar algunhas características do xénero: as características do investigador, os aspectos escuros da súa vida, a agudeza na observación dos detalles, a integridade, etc. Gustou moito o feito de que estea ambientada en Vigo e que os problemas que trata sexan actuais e reais, ou polo menos son temas dos que a maioría do alumnado, de xeito directo ou indirecto, ten unha opinión formada.

Falouse moito da inmigración e das diferenzas entre o primeiro e o terceiro mundo. A todos e todas gustou a obra, aínda que case todos coincidiron en que, para o seu gusto, ao final todo se resolve moi rápido e lles houbese gustado máis paladear a resolución dos feitos  cun pouco máis de pausa. Pero iso será algo que terán ocasión de comentar co propio autor, Francisco Castro, xa que en Xanerio se reunirá con eles para comentar a obra.
E rematamos paladeando unhas saborosas tartas que Celia nos deixou para a ocasión.

11/11/14

O neno can e Chamádeme Simbad

O pasado 27 de outubro, inauguramos as reunión do club de lectura dos novos alumnos de 1º da ESO. Como son 30, dividíronse en dous grupos: O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro e Chamádeme Simbad, tamén de Francisco Castro. 

O neno can resultou un libro fácil e agradable para ler, aínda que as súas historias son as de nenos nada favorecidos polas súas circunstancias: nenos sen familia, explotados pedindo esmola, vivindo nas rúas, obrigados a traballar. Ás nenas chamoulles moito a atención a historia de Laila, una nena obrigada a casar aos 11 anos, porque así o marca a tradición. O personaxe co que se sentiron máis identificados foi con Carlos, quizais porque é máis próximo. Algún destacou a valentía de Carme, que insiste en invitar a Carlos á súa festa de aniversario. Falamos, en fin, das diferentes realidades da infancia no mundo, de tomar conciencia das inxustizas que nos rodean, e do afortunados que se senten eles sendo coidados e mimados polas súas familias.

Chamádeme Simbad foi un libro que gustou a todos. Aparte de que nos divertimos coas aventuras e a intriga da novela, tamén sacamos da súa lectura moitos temas interesantes. Falamos da enfermedade do alzheimer ou da situación dos maiores cando comezan a necesitar dos demáis, e de cómo se lles pode axudar a levar unha vida máis agradable. Tamén comentamos a relación do protagonista co seu avó, mellor que a que tiña con ningún outro membro da familia, e de cómo ás veces os xogos e a fantasía poden ser un modo moi interesante e divertido de comunicarse cos demáis.  O personaxe da nai tamén nos deu para falar dos coidadores, da responsabilidade que asumen e do tempo libre que precisan, e a todos nos pareceu ben como ao final se respeta tamén ese dereito da nai a ter o seu tempo libre. Falamos do enigmático tío Bernardino, e de toda a aventura vivida por Simbad trala pista do seu avó. E, como non, tamén rímonos un pouco co pai do protagonista, tan estresado polo traballo e obsesionado co móbil que non é capaz de prestar atención á xente que o rodea.


Esta sesión foi acompañada por unhas saborosas tartas de chocolate, agasallo dunha mamá: graciñas Manola!.


11/05/14

Industrias y andanzas de Alfanhuí


 O luns 28 de abril tivo lugar a penúltima sesión do club de lectura . O libro escollido foi "Industrias y andanzas de Alfanhuí, de Rafael Sánches Ferlosio. A sesión estivo dirixida pola Profesora Sara González.
Compre salientar que a meirande parte do grupo non atopou doada a lectura desta novela. Todos coinciden en que o libro é diferente de todos cantos leron atá agora. Pero foron capaces de analizar as causas desa dificultade, por exemplo,  os constantes cambios de escenario como  factor que dificultou a comprensión. A pesar diso, tamén houbo opinións no sentido de que é un libro divertido ao tempo que un libro de vida, apreciando como o protagonista, Alfanhuí, se desenvolve como persoa aprendendo dos seus distintos maestros ao longo do libro.
Un lector máis veterano, como Pedro, manifesta que se ben é verdade que o vocabulario novo é moito, non lle supuxo unha eiva ao ser un asiduo lector e remata calificando o libro de “curioso”.
Cremos que de vez en cando é positivo que os nosos lectores se vaian enfrontando a obras que están fóra do seu "circuito" lector, e que non se asusten ante as dificultades, xa que entre todos, nas reunións, seremos quen de poñelas en común e axudar aos demais a avanzar na comprensión lectora.

30/03/14

Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea

 O luns 24 de marzo tivemos unha nova reunión do club de lectura de 2º e 3º de ESO na biblioteca para xantar todos xuntos e conversar sobre o libro Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher. A profesora que dirixiu a sesión, Marisol, déixanos esta crónica.
   
    A novela, que en xeral gustou moito, deu  para conversar sobre diferentes temas, como o do acoso escolar que sufre o protagonista, e como consegue superalo ao final; en relación coa personaxe de Sunya, a compañeira e amiga paquistaní do colexio de Jamie, reflexionamos sobre o hiyab e o seu uso nas nenas e nas escolas públicas, e tamén falamos do gran apoio e valor da amizade sobre os prexuízos de raza ou de relixión, sobre todo cando estes se relacionan, como é o caso da novela, con outros temas como o do terrorismo.


Tamén se falou sobre os atentados terroristas e sobre cómo se pode asumir pouco a pouco a perda inesperada e repentina dun ser querido. Falamos da familia de Jamie, e sobre todo, da irmá maior, un personaxe moi atractivo pola súa forza e sensibilidade, coas que axuda a que as cousas sexan máis soportables para o protagonista. A figura da nai, un personaxe da novela que non responde á imaxe convencional que se nos da das mulleres na maior parte das obras de ficción, fíxonos reflexionar sobre o papel da muller e do home na familia, sobre o instinto maternal e paternal. Tamén nos deu para falar do Maior Concurso de Talentos de Gran Bretaña, ao que se presentan os dous irmáns e que nos mostra como as ilusións e as fantasías, por tolas que parezan, poden axudar tamén a tirar para diante.
     En fin, que a lectura desta obra, a pesar de ser algo triste, como comentaron algúns dos mozos e mozas do club, tamén resultou moi emotiva e atractiva para eles, e ofreceunos moitos temas sobre os que reflexionar e falar durante a comida e a sobremesa, que pasaron así dun modo moi agradable, cos comentarios e a conversa destes adestrados lectores de 2º e 3º de ESO.
     Despois, a estirar un pouco as pernas antes das clases da tarde, e ata outra nova reunión con outra novela da que poidamos sacar tantas cousas interesantes.



22/02/14

¡VAICHE BOA!

O luns 10 de febreiro, na hora de lectura, os alumnos/as do club de lectura de 1º de ESO baixaron á biblioteca para unha sesión de traballo e coloquio coa profesora Mercedes Pérez. O libro que leron é ¡Vaiche Boa!, de Jennings. Como se trata dun libro de oito relatos, os alumnos traballaron primeiro en pequenos grupos sobre o seu relato preferido, xustificando a súa elección e facendo un resumo breve do argumento. Puxeron logo en común as súas opinións. Rematamos  cunha actividade lúdica de recoñecemento e relación: a profesora presentoulles unha serie de obxectos que tiñan que relacionar co personaxe e co relato ao que pertencían. Todo isto acompañado do noso personaxe estrela, o vello Ben Byron.

O 17 de febreiro, os rapaces e rapazas do club participaron no concurso O libro do trimestre, no que responderon a un cuestionario moi divertido de quince preguntas sobre o libro. Resultaron gañadores do trimestre Sara e Adrián, aínda que a competencia foi moi dura, pois todos os participantes estiveron nunha diferencia de punto e medio. No próximo trimestre teremos o concurso definitivo para proclamar ao vencedor ou vencedora do curso. De momento Sara vai en cabeza, pero todo pode pasar, pois entre ela e o quinto clasificado hai tan só una diferenza de cinco puntos, e poremos quince en xogo. Parabéns a todos/as polos acertos e a seguir lendo. 


15/02/14

O SORRISO DE HITLER. SESIÓN CO AUTOR.

Desta vez lemos O sorriso de Hitler, obra gañadora do premio Avilés de Taramancos de relato. Era unha lectura para reflexionar sobre a Paz, e foi o propio autor do libro, Xosé Alfredo Naz, o que dirixiu a sesión do club de lectura e nos deixou esta crónica:

O luns, 3 de febreiro tivo lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se xuntaron os representantes máis selectos do mesmo, procedentes sobre todo de 2º e 3º da ESO, co autor do libro que lles tocou ler desta quenda, O sorriso de Hitler
Comezou a sesión cunha paparota común na fortaleza destes indomables lectores, coñecida por algúns como a Biblioteca de milleiros de lecturas, cargando estómago e linguas de munición suficiente para atemorizar a calquera ousado intruso. 
Iniciou o inimigo cun inesperado ataque efecto-lóstrego, baseado na proxección eficaz dun vídeo resumo da Segunda Guerra Mundial, no que trataba de contextualizar dito relato, á vez que, por outra banda, bombardeaba os oídos dos irredutibles membros do Club con comentarios e curiosidades que puidesen relacionar tal proxección co relatado no libro. 
Despois deste furibundo ataque, empregou unha retirada táctica coa segunda proxección dun Gagnam Style onde se parodia a ese espécime inclasificable de Adolf en versión fílmica en “El hundimiento”, logrando arrancar máis dalgún sorriso (desta vez, a diferenza do título, máis desexados). A continuación, coa aviación de preguntas predisposta, o confiado invasor multiplicou cuestións sobre o relato, tentando abrir brecha nas filas dos irredentos, mais só logrando atinadas respostas e afiados comentarios. 
Finalmente, véndose case ás portas dunha derrota inmisericorde, tirou da retagarda con folios procedentes das reservas dun obradoiro de escritura, onde os defensores fixeron honor e honra ás súas calidades, rebordando unha imaxinación que, á posteriori, resultaría definitiva para a súa vitoria final. Cos últimos estertores previos á capitulación, ao confiado e vencido autor só lle quedaron folgos para felicitalos e agardar que sigan sendo fieis e axeitados gardiáns do bastión ao que pertencen. 


Biblio Boveda's Slidely by Slidely Slideshow

Actividades e premios con Matilda

Gañadores do Libro do Trimestre
Grupo gañador nas actividades
Na semana anterior á sesión sobre Matilda, celebramos o concurso de preguntas "O libro do trimestre", do que resultaron gañadores  ex aequo Sara, Daniel e Alba, que ademáis acumulan puntos para o próximo trimestre. E na semana posterior, fixeron una nova sesión coa profesora Françoise Oliva, na que tiveron que crear, por grupos, unas novas aventuras de Matilda e un título. Entre todos realizaron a votación para escoller ao mellor grupo, que resultou ser o de Paula, Laura e Lucía. O Día da Paz, ante todos os compañeiros, recibiron os premios que lles correspondían por gañar os concursos, libros e discos que eles mesmos/as escolleron.